Fondo de Documentación do Eume
O proxecto para crear o Fondo de Documentación para o Coñecemento do Eume pretende recompilar toda a información existente, ou cando menos a máxima posible, na que se reflictan diferentes aspectos do pasado recente e de diferentes temáticas, sempre centradas no marco territorial establecido.

O obxectivo final deste proxecto é que os saberes, tradicións, costumes, inquedanzas e anceios dos habitantes presentes e pasados do territorio EuroEume, non se perdan no esquecemento polo paso do tempo.

O Fondo de Documentación para o Coñecemento do Eume, desenvolveuse a partir da labor realizada pola empresa Los 8 Mares S.L. Este Fondo está estructurado nunha serie de apartados nos que se foron recollendo diferentes informacións:


-Iconografía: Consta de documentais, gravacións e fotografías saídas dos diferentes arquivos do territorio nas que se poden ver imaxes da vida cotiá das xentes dos pobos e aldeas dos dous primeiros terzos do século XX.

-Hemeroteca: Recompilación das novas relacionadas coa vida no ámbito EuroEume publicadas nas principais cabeceiras xornalísticas.

-Fondo de Sabedores: Consiste nunha base de datos na que se inclúen boa parte das publicacións dos expertos nalgún tema, relacionado con algún aspecto intimamente ligado coa vida no noso territorio. Trátanse, sobre todo, de traballos moitos deles inéditos, feitos por profesores, ademais de tesiñas e teses de doutoramento.

-Arquivos: Contamos neste punto cunha grande cantidade de documentos antigos, en formato dixital e en papel, nos que se recollen aspectos relevantes da vida dos nosos devanceiros. Destacable é a sección referida a documentos relativos ao asociacionismo, xa que o Fondo conta, entre outros, coas actas de fundación dalgunhas das primeiras asociacións constituídas nos concellos do noso ámbito.

-Hucha dos Saberes: Podemos afirmar que esta é a verdadeira xoia do Fondo. Trátase dunha serie de 140 DVD´s nos que se recompilan as máis de 150 entrevistas realizadas a persoas nadas antes de 1.940, nas que estas contan os aspectos máis salientables das súas vidas, dende a súa infancia ata o presente. Nestas entrevistas homes e mulleres de todas as parroquias do territorio deixan as súas opinións acerca de feitos concretos, como poden ser a súa experiencia na escola ou na emigración, os traballos desenvolvidos ao longo da súa vida, etc., o que constitúe unha aproximación á memoria oral e á mentalidade colectiva do territorio.

Nesta web organizamos estas entrevistas nunhas montaxes dun máximo de dez minutos nos que un grupo dunhas dez ou quince persoas falan sobre temas concretos. Así presentamos nove temáticas diferentes: a emigración; a escola; os produtos do campo e da fraga; a república e guerra civil española, a fame, a represión e os escapados; animais domésticos; os traballos tradicionais; as festas e as feiras; a industrialización e o progreso; e os usos e costumes.

-Outros Recursos:
Neste apartado recóllese diverso material, entre o que destaca unha base de datos coas referencias bibliográficas das máis de 750 publicacións e artigos cuxa temática principal está intimamente ligada co territorio. Posúe ademais un extenso inventario de todos os documentos audiovisuais realizados no territorio ou con este como principal protagonista.


Euroeume
Universidade Rural Paulo Freire