Actividades
Ademais do Fondo de Documentación do Eume, a Asociación EuroEume participa ou apoia outros ámbitos e actividades relacionadas coa Memoria Histórica. Proxectos coma o do Museo Etnográfico da Capela ou a Universidade Rural do Eume fican estreitamente ligados tanto coa recuperación da Memoria Histórica, como coa conformación e coñecemento da memoria colectiva do pasado.

No Museo Etnográfico da Capela, apoiado por EuroEume, calquera visitante pódese formar rapidamente un bocexo de como era a vida dos habitantes do territorio non hai moito tempo, coñecendo de preto as ferramentas ou os usos e costumes habituais nas vidas destas persoas cuxo modo de vida pouco ten que ver co noso.

A Universidade Rural do Eume, promovida por Euroeume e encadrada dentro do proxecto estatal da Universidade Rural Paulo Freire, busca revalorizar aspectos e formas de facer propias do pasado que son mais rendibles e sostibles que os sistemas modernos, e dar a coñecer as posibilidades das actividades tradicionais na busca de, por exemplo, a creación de traballo e riqueza no territorio.

Ademais, no noso ámbito territorial existen varias entidades que están a desenvolver diferentes traballos neste eido como o Museo Etnográfico de Monte Caxado, a Revista Cátedra de Estudos Eumeses, a Asociación Cultural “O Pertego” ou a Asociación de Estudos Históricos e Sociais HUME.

Nesta sección da web iremos colgando información de todas as actividades que se vaian xerando no ámbito de EuroEume, relacionadas coa recuperación da nosa memoria colectiva, coa posta en valor de saberes etnográficos ou tradicionais ou simplemente susceptibles de posuir interese no mundo da nosa Historia máis recente.

Categorías:

Nas últimas semanas foron subidas á páxina do Fondo Documental para o Coñecemento do Eume cinco novas montaxes de vídeo. Estas montaxes correspóndense coa segunda parte dos vídeos dedicados á temática dos Usos e Costumes; a terceira e cuarta parte dos consagrados ao Campo e a Fraga e tamén a terceira e cuarta parte dos que teñen como trasfondo fundamental o mundo académico e da Escola.
Nestas montaxes os veciños entrevistados lembran e falan sobre estes tres aspectos fundamentais nas súas vidas, sobre todo no que se refire ás súas infancias, é dicir a época na que tanto os costumes, coma a escola ou a vida no campo eran máis diferentes respecto á actualidade.

O venres día 13 de marzo, presentarase a páxina web do Fondo de Documentación para o Coñecemento do Eume na sede do Museo Etnográfico da Capela, na antiga casa reitoral do Pazo. Neste acto falarán, José Castro Romero, presidente de EuroEume; Secundino García Mera, director do Museo Etnográfico da Capela e Serxio Paz Roca, Técnico de EuroEume.

museodacapela.org




Euroeume
Universidade Rural Paulo Freire